Un poemario dun autor que, malia a súa xuventude, é quen de gravitar coa palabra no máis profundo da conceptualidade ontolóxica, esa en que hai que entrar para entender o mundo ou, cando menos, para significalo. A realidade non é uniforme. A existencia móstrasenos. E a través das súas fendas, o poeta penetra dende sílabas tamén feitas anacos. O poema é un mapa que encaixa na realidade coa mesma dificultade plástica coa que un cadro abstracto pinta a perfección dunha flor, dunha estrela, ou da melancolía.
Abraham Pérez (Lugo, 1990) é graduado e mestrado en Filosofía pola Universidade de Santiago de Compostela; ademais cursou estudos de guionista. É autor de dúas obras en castelán: o volume de relatos Esferas (2017) e o poemario Materiales básicos de la carencia (2018). Durante os últimos anos colaborou en radio e en prensa publicando artigos, relatos e poemas en revistas como Cuatro Ojos Magacín, Drugstore Magazine, Tr3sreinos ou Oculta Lit., entre outras.